Fonética e fonoloxía son dúas disciplinas que se ocupan do estudo dos sons desde perpectivas distintas pero complementarias. Situada nos eidos da física e a fisioloxía, a fonética é a disciplina que se encarga do estudo dos sons (e as súas combinacións) como material acústico que constitúe a substancia da expresión da linguaxe humana; describe os seus compoñentes acústicos: ton, intensidade, cantidade ou duración e timbre, e ocúpase ademais dos mecanismos de produción (articulación) e percepción dos sons: fonación, órganos que interveñen no proceso e as características das ondas sonoras. Dous son os tipos de sons dos que se ocupa a fonética: 1.- Os sons da fala ou realizacións concretas dun individuo ó longo da súa vida, teoricamente infinitas e condicionadas pola idade, o sexo, as peculariedades do seu aparello fonador,… 2.- Os sons da norma, realizacións concretas condicionadas polo contexto fonético e comúns a todos os falantes dun idioma. Reciben o nome de variantes combinatorias ou alófonos.