A coauthored paper which deals about the strengths of forestry cooperatives in Finland as models to be paid attention to in Galicia (North West Spain): Piñeiro-Tubío, A et al. (2013). O caso de Finlandia. Un modelo de cooperación para o sector forestal galego. GRIAL Revista Galega de Cultura nº 199. p. 18-25.
1 of 8
More Related Content
O caso de Finlandia: un modelo de cooperación para o sector forestal galego.
1. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 18
O caso de Finlandia
Un modelo de cooperación
para o sector forestal galego
A L B E RT E PI Ñ E I RO | D A N I E L B L A N C O
J A I M E B A R RO S | M A R Í A PA S A LO D O S
GRUPO ESTRUTURA
O
artigo que nos ocupa desenvolve as conclusións do traballo para a mellora da
capacidade forestal de Galicia dende o
ámbito da estrutura da propiedade, recollidas
logo dun ano de traballo en grupo e presentadas
a debate con expertos en ordenación territorial,
xestión e industria forestal en Diálogos 03.
O caso finés utilízase como modelo comparativo por ser unha referencia mundial dende o
punto de vista da xestión forestal e da organización da propiedade, que é o que nos interesa
observar aquí, e tamén polo exemplo que nos
achega ao situar como estratéxico o sector forestal, reunindo miles de propietarios en estruturas de cooperación para ser competitivo. O que
levou a un país novo, que parte dunha situación
desestruturada despois da II Guerra Mundial, a
conseguir unha marca país asociada ao valor dos
transformados da madeira e do seu deseño.
A estrutura do artigo parte dunha descrición
das características forestais de Galicia e Finlandia
para logo abordar, máis polo miúdo, o sector
forestal finés como modelo para a cooperación
entre propietarios forestais en Galicia. Seguidamente, obsérvase cales foron os elementos clave
para impulsar a cooperación entre propietarios
de montes en Finlandia, e remátase cunha proposta de posibles medidas que poderían impulsar
a cooperación entre propietarios forestais en
Galicia.
A continuación convén definir a cooperación
entre propietarios forestais como o conxunto de
actividades que realizan propietarios e produtores
forestais a través de estruturas formais de cooperación (CEPF, 2008; François, 1956). As figuras
DA PROPIEDADE
de cooperación son principalmente asociacións
sen ánimo de lucro, aínda que no caso galego
tamén existen, en menor medida, cooperativas,
sociedades civís, sociedades mercantís ou sociedades agrarias de transformación. Algunhas das
actividades que realizan os propietarios de montes de forma conxunta e que definen os modelos
cooperativos nunha escala crecente de integración consisten en (Kittredge, 2005):
• Cooperación para a información: os propietarios comparten información, técnicas, experiencias, consello e representación política, pero
xestionan individualmente o seu monte.
• Cooperación para a comercialización: os
propietarios venden a madeira colectivamente
para ter unha posición máis vantaxosa no mercado.
• Cooperación para a xestión: os propietarios
fan xestión forestal conxunta no plano espacial e
temporal, tomando decisións de manexo, para
poñelas en marcha tendo en conta o contorno
natural, económico e cultural no marco dun plan
de xestión forestal.
Semellanzas e diferenzas no forestal
entre Galicia e Finlandia
A Galicia dos mil ríos está lonxe, xeograficamente falando, da Finlandia dos mil lagos (gráfico 1),
pero do contraste dos dous países xorden semellanzas e diferenzas que permiten reflexionar
sobre o papel que debería xogar o sector forestal
en Galicia. É sabido que Finlandia é un modelo
a nivel mundial no campo forestal, cun sector
2. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 19
A CAPACIDADE FORESTAL EN GALICIA
produtivo ben organizado ao redor as Asociacións de Xestión Forestal (AXF) e un importante
tecido industrial de multinacionais que teñen as
súas raíces en cooperativas de propietarios forestais (p. ex., a maior cooperativa de Europa, Metsäliitto). O país nórdico conta cunha superficie
máis de dez veces superior á galega e ten unha das
densidades de poboación máis reducidas da Unión
Europea.
Galicia alberga montes cunha alta diversidade
biolóxica e unha das maiores produtividades
potenciais de Europa. Estes puntos fortes colocan o recanto do noroeste da Península Ibérica
nunhas condicións inmellorables para que o
monte sexa un piar importante no desenvolvemento económico, provendo a poboación rural
de produtos e servizos.
A superficie forestal tanto en Finlandia como
en Galicia rolda os dous terzos da súa superficie
total, polo que podería esperarse que o este sector tivese un peso similar na economía dos dous
territorios. Non obstante, o sector forestal representa o 5,9 por cento do PIB de Finlandia e só o
3 por cento do de Galicia (cadro 1).
Dende o punto de vista da tenza da propiedade nos dous territorios, a maioría do monte pertence a propietarios privados (considerando os
montes veciñais en man común galegos como
propiedade privada colectiva), e que as familias
posúen ao redor dos dous terzos da superficie
forestal. Do mesmo xeito que ocorre en Galicia,
o minifundismo e a fragmentación da propiedade privada é un dos grandes problemas da xestión
forestal en Finlandia (Finnish Ministry of Agriculture and Forestry, 2008), sendo a superficie
media do propietario forestal finés de 31 hectáreas e a do galego de 2 (cadro 1). Esta diferenza é
relativamente reducida cando a comparamos con
outros países con vocación forestal, como Brasil,
Chile ou Rusia, onde a superficie media por propietario supera o milleiro de hectáreas. Non obstante, Finlandia, cunha longa tradición de
asociacionismo entre propietarios, está xa poñendo solución a este problema. Mentres que en Finlandia o 86 por cento dos propietarios de montes
pertencen a AXF locais, menos do 3 por cento
dos galegos forman parte dalgún tipo de agrupación forestal (cadro 1). Como se mostra a continuación, este é un factor competitivo moi
importante que permite que os montes dos propietarios privados de Finlandia sexan xestionados
cun alto grao de profesionalidade, obtendo uns
importantes niveis de rendibilidade.
Alberte Piñeiro Tubío é enxeñeiro de Montes pola Universidade de
Santiago de Compostela e máster en desenvolvemento rural polo
University College Dublin grazas a bolsa de posgrao da Fundación
Barrié. Traballa en xestión forestal e na defensa contra incendios como
xefe do Distrito Forestal IV-Barbanza (Xunta de Galicia).
Daniel Blanco Ward é biólogo con experiencia nos ámbitos da
hidroloxía, edafoloxía, teledetección e sistemas de información
xeográfica. Desenvolveu a súa actividade no Centro de Teledetección
da Universidade de Boston, o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico
á Investigación da Universidade de Vigo,
o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas e o Instituto
Español de Oceanografía.
Jaime Barros Rios é enxeñeiro de Montes e doutor en mellora
xenética vexetal pola Universidade de Vigo.
Traballa como investigador científico do CSIC e desenvolveu traballos de
investigación no eido forestal en Brasil e Suecia. Na actualidade realiza
unha estancia de posdoutoramento en Estados Unidos
como bolseiro da Fundación Barrié.
María Pasalodos Tato é enxeñeira de Montes, doutora en
Planificación e Economía Forestal pola Universidade do Leste de
Finlandia (bolseira da Fundación Barrié). Desenvolve a súa actividade
investigadora no Centro de Investigación Forestal do Instituto de
Investigación Agraria e Alimentaria (INIA), labor que compaxina coa
actividade docente na Universidade Católica de Ávila.
0
0,1-10
11-25
26-50
51-75
76-100
Sen datos
Porcentaxe de
bosques privados
Gráfico 1. Mapa de propietarios privados de Europa
European Forest Institute, 2013
3. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 20
Unha organización a tres niveis administrativos leva os propietarios forestais fineses
máis alá dunha simple cooperación a nivel local, o que permite a súa participación
na regulación do sector forestal e nos procesos políticos.
Unha rede organizativa máis ampla, similar ao modelo finés, serviría para unir
os propietarios de montes galegos a nivel local e reforzar os seus intereses
nas instancias políticas nacionais e internacionais
A cooperación entre propietarios
forestais en Finlandia como modelo
para Galicia
Como organizacións privadas sen ánimo de lucro
especializadas na xestión de montes, a principal
función das AXF finesas é “promover a rendibilidade da actividade forestal practicada polos propietarios dos bosques e a consecución dos demais
obxectivos que se fixasen para o sector forestal
e para avanzar na xestión económica, ecolóxica e
socialmente sustentable, e a utilización dos bosques” (Lei de Asociacións de Xestión Forestal
Finesa, 1142/2003). Estas asociacións ofrecen un
amplo rango de servizos de formación, asesoramento e asistencia profesional en temas forestais,
protexendo así os intereses dos propietarios e axudándoos a acadar os seus obxectivos. Nestes grupos os propietarios cooperan nos tres planos:
información, comercialización e xestión. As AXF
locais finesas xestionan mais do 90 por cento dos
plans de ordenación forestal, aproximadamente o
80 por cento dos traballos de silvicultura e o 70
por cento das vendas de madeira (Lillandt, 2001).
Para chegar a todos os seus membros, publican
boletíns de noticias e informativos especiais, e a
maioría teñen sitios web de información dirixida
aos asociados. A Lei de Asociacións de Xestión
Forestal Finesa obriga a que os propietarios forestais formen parte destas asociacións locais. Cada
un dos propietarios, excepto os que teñen as
explotacións máis pequenas (menos de 4 hectáreas), paga una comisión para a xestión de montes e,
polo tanto, é automaticamente membro da asociación na zona onde se encontra a súa propiedade.
Ademais, os propietarios que non poden participar activamente na xestión dos seus montes ou na
venda da madeira deben delegar o seu rol nun xestor. Finlandia é un modelo que se debe seguir
neste tipo de xestión da propiedade forestal, e
conta con máis de cento cincuenta AXF locais distribuídas en trescentas oficinas ao longo do país,
que empregan uns mil profesionais forestais (Hirakuri, 2003; Jylhä, 2007). Unha organización a tres
niveis administrativos leva os propietarios forestais
fineses máis alá dunha simple cooperación a nivel
local, o que permite a súa participación na regulación do sector forestal e nos procesos políticos
(gráfico 2). Unha rede organizativa máis ampla,
similar ao modelo finés, serviría para unir os propietarios de montes galegos a nivel local e reforzar
os seus intereses nas instancias políticas nacionais
e internacionais.
En Galicia existen diversos niveis de cooperación definidos polo grao de compromiso co grupo dos asociados. As asociacións nas que os
propietarios cooperan a nivel de información facilitan o acceso aos seus socios á información de
mercados, normativas que afectan ao sector, subvencións, etc. Ofrecen asistencia na xestión silvícola, formación e defensa dos intereses dos
propietarios. A maioría das agrupacións de propietarios galegas son representativas deste modelo
de cooperación —Asociación Forestal de Galicia
(AFG), Asociación para o Fomento da Riqueza
Forestal de Galicia (AFRIFOGA), Asociación
Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Asociación Forestal FROUMA, Organización Galega de
Comunidades de Montes (ORGACCMM) e
Asociación Profesional de Silvicultores (SILVANUS)—. Estes grupos tamén poden ter accións
de cooperación para a comercialización de madeira ou xestión conxunta, mais estas non son as súas
principais actividades.
Os modelos de cooperación para a comercialización están representados polas PROMA, que
son asociacións sen ánimo de lucro que agrupan
propietarios forestais do ámbito territorial dun
concello que negocian conxuntamente os prezos
da madeira (principalmente eucalipto) con industrias consumidoras, como por exemplo ENCE.
Un vendedor de madeira asociado pode obter
unha diferenza de prezo neto un 15-30 por cento
superior ao prezo da venta do propietario de xeito
individual. Denomínanse coas siglas PROMA
(Produtores de Madeira) xunto coas iniciais do
concello ao que pertencen (p. ex. PROMAVI
sería a asociación dos propietarios forestais de
4. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 21
Viveiro). Estes grupos fedéranse baixo as siglas
PROMAGAL (Produtores de Madeira de Galiza). Recentemente, varios grupos están intentando constituír cooperativas para avanzar no
grao de cooperación entre os asociados.
A Sociedade Agraria de Transformación (SAT)
Montes de Trabada representa un dos escasos
modelos de cooperación para a xestión en Galicia
e constitúe un claro exemplo das vantaxes da concentración de propiedades para xestionar e aproveitar a madeira de forma sustentable. Tras
diversas concentracións parcelarias, agrupáronse
baixo a fórmula SAT 327 propietarios e 1.157
hectáreas, máis 2.000 hectáreas de matogueira que
foron transformadas en espazos de uso forestal.
A SOFOR (Sociedade de Fomento Forestal) é
un figura xurídica enfocada na cooperación para
a xestión conxunta, recentemente desenvolvida pola Xunta de Galicia, e que consiste nunha
sociedade de responsabilidade limitada na que os
propietarios forestais ceden os dereitos de uso das
súas propiedades durante un mínimo de vinte e
cinco anos para o seu aproveitamento forestal.
A administración forestal galega só impulsa este
modelo de cooperación para a xestión; non obstante, a súa estrutura e fiscalidade poden limitar
a súa utilización. A estrutura das SOFOR pode
resultar demasiado ríxida debido aos numerosos
trámites burocráticos para a súa constitución (p.
ex., constitución ante notario ou necesidade de
inscrición no rexistro SOFOR e mercantil) e a
escasa formación en asociacionismo dos propietarios. A nivel fiscal estas sociedades presentan un
gran hándicap. A maioría dos produtores forestais individuais contan cun réxime fiscal ben
adaptado ao sector forestal. A Lei do Imposto da
Renda das Persoas Físicas (IRPF) permite que os
produtores forestais con rendas inferiores a trescentos mil euros determinen a base impoñible
mediante a aplicación de índices estándar de rendemento, que reducen significativamente a fiscalidade respecto do método directo de cálculo.
Pola contra, as persoas xurídicas, e por tanto as
SOFOR, non contan cun sistema adaptado, polo
que a carga impositiva final nos beneficios xerados por unha delas é significativamente maior ca
os obtidos por unha persoa física para actividades
forestais. A tributación media por hectárea para
un propietario individual membro dunha
SOFOR é do 35 por cento, mentres que a dun
propietario individual con plan de xestión forestal redúcese ao 1,6 por cento (gráfico 3), polo
que a fiscalidade das empresas de xestión forestal
debe adaptarse á realidade do sector. Co fin de
Cadro 1
5. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 22
igualar o tratamento fiscal das persoas físicas e as
SOFOR, deberíase desenvolver o Plan Contábel
para que se adaptase mellor á realidade da empresa forestal, tomando como base a Norma Internacional Contábel 41, ou desenvolver un réxime
de estimación obxectiva parecido ao das persoas
físicas (López, 2007).
O caso finés relativo á “cooperación para a
xestión” son os denominados “montes de propiedade conxunta (jointly owned forest)”, que teñen
as súas orixes nos anos 30 do século pasado,
sendo nos anos 50, tras a II Guerra Mundial,
cando estas entidades tiveron o seu máximo apoxeo (Hamunen, 2012). Aínda que este tipo de
organización da propiedade non é ningunha
novidade —mesmo existe unha lei que a regula
(Lei de montes de propiedade conxunta,
109/2003)—, nos últimos anos están cobrando
un novo impulso debido a iniciativas públicas e
privadas. Metsähallitus, a empresa forestal propiedade do goberno finés, vén de desenvolver un
programa piloto para probar o efecto da cesión
de montes públicos na creación de montes de propiedade conxunta, ofreceu mil hectáreas de
monte en cinco áreas piloto. As terras que achegou Metsähallitus serviron como o activo inicial
para a integración de pequenos propietarios, que
forneceron en conxunto máis terreo que o Estado. Ademais, Metsähallitus actúa como un propietario máis sen responsabilizarse de todas as
operacións forestais. A demanda de participación
superou a oferta da administración e os máis
interesados foron os propietarios de novas xeracións, que normalmente non tiñan a oportunidade de participar na xestión directa dos montes
(Hamunen, 2012). Outra das iniciativas é a da
compañía privada UPM, que tamén estableceu
catro montes de propiedade conxunta a nivel
rexional. Cunha contribución inicial de 2.000
hectáreas, dende 2012 fóronse agregando propietarios particulares a este tipo de propiedade.
Todos estes exemplos ilustran de que maneira
en Finlandia se fomenta a colaboración públicoprivada para a mellora da xestión de montes. As
CMVMC galegas deberan poder ser parte de
asociacións de cooperación de xestión para
impulsar o asociacionismo. Para isto é necesario
adaptar a normativa que as rexe para facilitar a
cooperación conservando a súa natureza de ben
veciñal en man común.
A instauración dun servizo de extensión
forestal resulta clave para a promoción dunha
xestión profesional do monte. Finlandia conta
cun sistema de extensión forestal moi desenvolvido, que permitiu que o 85 por cento dos propietarios forestais participen nos seus programas.
O sistema finés de extensión forestal vertébrase a
través de trece centros forestais rexionais con
soporte nas AXF locais, e que teñen como principal enfoque velar polo cumprimento da lexislación forestal. Este servizo ten unha capacidade de distribución de incentivos duns 75 millóns de
euros ao ano, e participa na formación, promoción e información dos propietarios. O servizo
de extensión forestal de Galicia pódese poñer en
funcionamento a través dos distritos forestais.
Galicia conta con experiencia positiva en extensión no sector agrario que pode ser aproveitada
no desenvolvemento do servizo forestal. Actualmente, a administración forestal conta coa estrutura para prover este servizo. Existen
dezanove distritos forestais con aproximadamente trinta empregados por oficina cun alto
coñecemento da estrutura forestal a nivel local.
Estes teñen actualmente dedicación exclusiva á
prevención e extinción de incendios e a xestión
de montes con convenio ou consorcio coa administración, entre outras. Cómpre asignar
recursos dedicados a labores de extensión forestal nestas unidades operativas.
Factores clave para a cooperación
forestal en Finlandia
Finlandia sufriu un grave problema de deforestación a finais do século XIX debido á mala xestión
dos montes, que se queimaban para obter novas
terras de cultivo e se cortaban para obter madeira para a construción navieira, leña ou carbón.
Por este motivo, en 1886 promulgouse unha lei
de montes que regulaba a explotación forestal e
creáronse, a partir de 1906, as primeiras AXF co
obxectivo de obter maiores rendementos para os
propietarios forestais e mellorar as condicións e
servizos que ofrece o monte (Ripatti, 1996).
Hoxe en día, o obxectivo principal da xestión e
lexislación forestal finesas segue sendo o mesmo:
producir madeira de boa calidade e alto valor
comercial, ao mesmo tempo que se ten en conta
o valor da biodiversidade dos ecosistemas forestais.
Que fixo posible o alto nivel de cumprimento
da lexislación entre os propietarios de montes
fineses? En primeiro lugar, a lexislación forestal finesa apóiase no servizo de extensión forestal para
axudar a que os propietarios cumpran coa lei.
6. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 23
A Sociedade Agraria Montes de Trabada é un modelo de cooperación para a xestión forestal en Galicia
Este servizo foi creado en 1928 para facilitar
axuda técnica aos propietarios forestais nos labores de silvicultura, aproveitamento forestal e conservación dos hábitats. O sistema de supervisión
non está baseado nas penalizacións senón que
busca a colaboración dos propietarios de montes.
Neste proceso de extensión forestal xogan un
papel clave tanto os centros forestais estatais,
como as AXF locais. Estas asociacións axudan
a que o proceso de adaptación dos propietarios á
lexislación forestal sexa máis ben un proceso educativo que de control do grao de cumprimento da
lei. En segundo lugar, o sistema introduciu a partir dos anos 60 incentivos económicos para
promover unha xestión forestal sustentable, que se
fan efectivos en forma de axudas financeiras directas, préstamos a baixo xuro ou reducións de taxas.
Entre as axudas directas podemos citar investimentos a longo prazo para renovación de drenaxes, para a xestión de novas plantacións ou para a
colleita de biomasa. Existen préstamos a baixo
xuro para a construción de infraestruturas, como
pistas forestais, devasas, etc…, así como reducións
de taxas para os gastos de forestación, control de
maleza ou rareos, e custos de silvicultura e colleita.
Para ter acceso a calquera destas axudas cómpre ter
un plan de xestión forestal en vigor para as parcelas nas que se solicitan as axudas.
A cultura forestal do país e a lexitimidade do
goberno son outros factores importantes que
explican a alta colaboración e grao de cumprimento da lei entre os propietarios forestais priva-
7. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 24
Mapa forestal de Europa 2012. European Forest Institute
dos de Finlandia. Os montes están fortemente
conectados ao modo de vida finés, pois xogan un
papel clave na economía e na cultura do país,
ofrecendo valores non materiais arraigados tales
como crenzas, mitos e costumes. Os bosques
están reflectidos en todos os aspectos da cultura
finesa, como a literatura, a pintura e a música, e
xogan tamén un papel importante no ocio dos
fineses (Tarasti, 1999). Neste aspecto, resulta moi
ilustrativo o “dereito de todo home” —Everyman’s right (Finnish Ministry of the Environment,
2007)—, que é unha figura que concede a todos
os cidadáns o dereito de circular libremente polo
monte, sen necesidade de obter ningún permiso e
sen importar quen é propietario. Esta figura,
común nos países nórdicos, evolucionou ao longo
dos séculos a partir dun código non escrito, converténdose nun dereito legal fundamental, dando
unha idea do que representa o bosque neses países. Con respecto á lexitimidade do goberno,
cómpre sinalar que Finlandia presenta un grao de
conflitividade moi baixo e que a lexitimidade das
autoridades públicas é moi alta. Debido ao seu
alto nivel de educación e de cultura democrática, a actitude dos fineses ante o goberno e a lexislación é positiva, e adoitan cumprir coa lei e coas
súas orientacións.
En resumo, os bos resultados do modelo de
xestión forestal finés son froito dunha política a
longo prazo. Os sucesivos gobernos fineses percibiron que para levar á práctica a lexislación fores-
tal era máis eficiente acadar a colaboración cos
propietarios forestais privados que intentar forzalos a cumprir a lei. A rede de AXF locais e os servizos de extensión forestal foron factores clave
que permitiron lograr a cualificación do propietario forestal finés. Paralelamente, este labor foi
facilitado pola alta estima que ten o pobo finés
polos bosques e pola alta lexitimidade da autoridade gobernamental.
Propostas para impulsar a cooperación
entre propietarios forestais en Galicia
Para lograr un cambio relevante no sector forestal galego é necesaria unha aposta clara pola promoción activa da cooperación entre propietarios
por parte da Administración galega. Isto é, establecer un programa de concienciación e comunicación, conxuntamente coas asociacións
existentes, que fomente o asociacionismo, promovendo os beneficios e explicando a necesidade
de aumentar a cooperación entre propietarios
particulares. Este programa debería difundir as
vantaxes dos distintos tipos de cooperación, os
casos de éxito existentes e enfocarse principalmente no desenvolvemento de agrupacións a nivel
local (parroquia/concello). Para poñer en marcha
esta medida sería necesario asignar recursos humanos para a promoción da cooperación nos dezanove distritos forestais galegos co obxectivo de
realizar labores de formación e difusión en coope-
8. 03 2 Alberte Piñeiro_02-2-González-alegre 15/10/13 09:58 Página 25
ración forestal, identificar líderes para a posta en
marcha de grupos locais e apoiar as agrupacións
constituídas en materia administrativa e legal. É
importante destacar que a Administración forestal
debe servir como mecanismo de apoio coa finalidade de motivar os propietarios de montes a
tomar a iniciativa, mais deben ser os veciños quen
tomen a decisión de establecer estas agrupacións
locais.
A Administración galega debe dar soporte a todos os modelos de cooperación forestal existentes,
priorizando a cooperación para a xestión, pero
tendo en conta outras posibles figuras de cooperación. A falta dun réxime fiscal adaptado a
algunhas das figuras de cooperación que existen en
Galicia desincentiva a súa utilización (véxase
SOFOR), por isto é necesario definir un plan contable adaptado ao sector forestal co obxectivo de
mellorar o atractivo da cooperación para o propietario individual (López, 2007). Algunhas medidas
económicas de soporte adicionais para fomentar
unha maior cooperación poderían ser: favorecer a
desgravación fiscal do investimento realizado na
creación de sociedades de xestión forestal, desenvolver un plan de axudas enfocado cara á integración de novos socios en asociacións de xestión xa
existentes, diminuír a fiscalidade da permuta de
terras para facilitar a integración do territorio ou
bonificar as doazóns en vida para favorecer o cambio xeracional. Tomando como exemplo o modelo finés, o financiamento e a reforma da fiscalidade
das organizacións de propietarios de montes
podería regularse a través dunha Lei de asociacións
de xestión forestal. Considerando que as comunidades de montes veciñais en man común poden
servir para impulsar o asociacionismo, cómpre
adaptar a normativa que as rexe para permitir a
cooperación, conservando a súa natureza de ben
veciñal común, como xa vimos.
Podemos concluír que Galicia ten potencialidades para o desenvolvemento do sector forestal,
pero a actual falta de cooperación entre propietarios fai que a estrutura minifundista da propiedade comprometa a viabilidade da explotación do
monte. Finlandia, cunhas condicións de tenza
da propiedade semellantes ás galegas —maioritariamente, montes privados particulares—,
apoiou a cooperación entre propietarios, o que
favoreceu o desenvolvemento do sector forestal,
sendo actualmente un dos piares da súa economía nacional. Neste proceso xogaron un rol fundamental os servizos de extensión forestal e as
agrupacións locais de propietarios de montes,
polo que é recomendable que a Administración
galega fomente e favoreza a cooperación forestal
para permitir que os propietarios de montes particulares tomen a iniciativa de agruparse e cheguen a valorizar os seus montes I
Bibliografía
CEPF, Confederation of European Forest Owners. 2008. European
forest owners organisations. Forest owners cooperation: main
figures, aims and goals:
http://www.cepfeu.org/vedl/Forest%20Producers_CEPF%20st
udy%202008.pdf.
François, T. 1956. Asociaciones forestales. Unasylva 10 (2), 57108.
Finnish Ministry of Agriculture and Forestry, 2008. Finland’s
national Forest Programme 2015. Publications of the Finnish
Ministry of Agriculture and Forestry No3b/2008. Vammala
Printers, 2008.
Finnish Ministry of the Environment, 2007. Everyman’s right in
Finland. Public access to the countryside: rights and responsibilities:
http://www.ymparisto.fi/download.asp?contentid=25603&la
n=en
Hamunen, H. 2012. State incentives effective: jointly owned
forest on the increase. http://www.forest.fi/smyforest/foresteng.nsf/4f1b7b3b61b46a88c2256f2500655172/a4b9e85787
552d4ec22579cf0029814d?OpenDocument
Hirakuri, S. R. 2003. Can law save the forest?: lessons from Finland and Brazil. Center for International Forestry Research,
SMK Grafika Desa Putera, Indonesia.
Järvinen, E. 2013. Family forestry in finland.
http://www.pefc.fi/media/Distribution_Ruth_Forrest_2013/Fa
mily_forestry_Finland__08042013.pdf
Jylhä, L. 2007. “Forest management associations-value from
cooperation for forest owners”. Unasylva 228, vol. 58, 44-47.
Kittredge, D. B. 2005. “The cooperation of private forest owners
on scales larger than one individual property: international
examples and potential application in the United States”.
Forest Policy and Economics 7, 671-688.
Lei de asociacións de xestión forestal finesa —1142/2003.
http://www.finlex.fi/en/laki/kaannokset/1998/en19980534.pdf
Lei de montes de propiedade conxunta —109/2003.
http://www.finlex.fi/fi/laki/kaannokset/2003/en20030109.pdf
Lillandt, M. 2001. “Forest Management Association–a major tool
to promote economic sustainability of family forestry”. In
Economic Sustainability of Small-Scale Forestry, EFI Proceedings 36, 93-100.
López, A. 2007. Análise do actual réxime fiscal da explotación
forestal e posíbeis reximenes alternativos. Informe para a Consellería do Medio Rural
Ripatti, P. 1996. “Factors affecting partitioning of private forest
holdings in Finland”. Acta Forestalia Fennica 252, 1-84.
Rodríguez Vicente, V.; Marey Pérez, M. F.; Crecente Maseda, R.
2007. “Perfil del propietario forestal individual en Galicia:
Objetivos y prácticas de gestión en el noreste de la comunidad”. Revista Galega de Economía 16 (1) 1-24.
Tarasti, E. 1999. Snow, forest, silence: the Finnish tradition of
semiotics. Indiana University Press, Indiana, United States of
America.
Ministerio de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino - Parques
Nacionales. 2011. Cuarto inventario forestal nacional - Galicia.