1. A TRANSICIÓN DE MARTÍN VILLA
Nos últimos procesos electorais é habitual que o Goberno municipal do
PSOE organice diversas charlas sobre temas diferentes; como é coñecido
nese tempo pre-electoral está prohibida a realización de inauguracións,
aínda que no caso de As Pontes pouco ou nada hai que inaugurar (se acaso
o que levan feito da Pista de Karts), por iso, a realización das charlas ou
coloquios permítelle, saltándose a lexislación electoral, a exhibición
pública do Alcalde, para iso non reparan en traer a personaxes coñecidos
nos medios de comunicación, dá igual o que custen.
Nesta ocasión decidiron organizar un acto sobre a denominada Transición
política á que invitan, entre outros conferenciantes, ao exministro
franquista Martín Villa.
Non sabemos cal é o criterio da realización desta charla nin quen asesora
ao Concello para elixir aos conferenciantes, nin tampouco canto vai costar
–disto xa procuraremos sabelo posteriormente-, mais demostra a clara
posición ideolóxica deste Grupo de Goberno do PSOE, claramente en
posicións de dereita pura, dálles igual o PSOE que o PP, de feito ocupan
amplamente o espazo político do PP, deixando a esta forza sen case
representación nas Pontes.
2. Quen nos conta a Transición?
Pero quen é Martín Villa para contarnos a Transición, ou mellor dito, non
será mellor que contemos quen foi e que fixo Martín Villa na Transición.
Sucesos de Vitoria-Gasteiz
En marzo de 1976, nun proceso de mobilizacións obreiras na cidade de
Vitoria-Gasteiz, e sendo Martín Villa ministro de Relacións Sindicais, no
transcurso dunha Asemblea realizada na igrexa de San Francisco de Asís,
prodúcese unha intervención policial, dos daquela denominados grises, co
resultado de cinco traballadores mortos e máis de 150 feridos de bala.
Da gravidade dos feitos dá conta a reprodución das gravacións da propia
Policía: “..hemos contribuido a la paliza más grande de la historia. Aquí ha
habido una masacre..”.
Para quen teña interese, pode comprobar no enlace seguinte onde se
reproduce o vídeo dos acontecementos:
https://www.youtube.com/watch?v=BrSStM-O9RI&feature=share
Días despois, tanto Martín Villa como Manuel Fraga, daquela ministro de
Gobernación –hoxe sería de Interior-, pola presión política internacional
xerada, visitaron aos feridos no Hospital de Vitoria-Gasteiz, onde os
familiares preguntáronlles directamente se ían alí a rematalos.
Estes feitos nunca foron xulgados no Estado Español.
3. San Fermines 1978
En plenas festas dos San Fermines, no ano 1978, a policía irrompe na praza
de touros, onde había máis de 10.000 persoas, para retirar unha pancarta
pola amnistía.
Prodúcense inmediatas manifestacións na cidade de Pamplona (Iruña), co
resultado dun mozo morto, Germán Rodríguez, dun tiro na cabeza, e 11
feridos de bala. Era Ministro de Gobernación –hoxe Interior-, Martín Villa.
Tamén existen gravacións das emisoras da policía: “Preparad todas la
bocachas y tirad con todas las energías y lo más fuerte que podáis. No os
importe matar”.
Germán Rodríguez
4. Pódese escoitar perfectamente no seguinte vídeo:
https://www.youtube.com/watch?v=Kdw6Zrax8dI
Martín Villa, como Ministro de Interior, realizou posteriormente unha
rolda de prensa na televisión, onde dixo textualmente: “Al fin y al cabo lo
nuestro serán errores, pero lo otro son crímenes”.
Tampouco foron xulgados estes feitos.
Condecoración de Billy el Niño
Mais o carácter político deste exministro franquista demóstrase
claramente cando como Ministro de Interior condecora, o 1 de xullo de
1977, ao inspector de policía, da época franquista e da transición,
alcumado Billy el Niño, coñecido torturador.
Un personaxe que simboliza todo o que foi a represión política no Estado,
moi coñecido pola mocidade estudantil e obreira daquela época pola súa
extrema crueldade.
Xustiza en Arxentina
Grazas ao traballo de asociacións de presos antifranquistas, como La
Comuna, e a colectivos sociais e aos propios familiares das vítimas, a xuíza
arxentina María de Servini ten solicitado formalmente a extradicción de
varios ministros exfranquistas, entre eles Martín Villa, e de varíos ex-
axentes de policía, tamén de Billy el Niño, por delitos de lesa
humanidade e baixo o principio da xurisdición universal.
O Estado Español négase a cumprir esta orde.
5. Por que se organiza este acto
Dende o BNG, respectando a organización de calquera acto público,
parécenos que a frivolidade que habitualmente amosa o PSOE local chega
a todos os seus límites; o noso pobo está sendo criticado en moitos foros
públicos pola organización deste acto que non responde a ningunha
necesidade, e non deberamos pagar o prezo deste descrédito polo simple
feito de que o Alcalde queira aparecer unha vez máis fotografado nos
xornais.
Cremos que o máis correcto sería aprazalo para despois das eleccións, e de
querer facer un acto sobre a Transición, convidar a persoas de formación
política, histórica ou periodística de Galiza, para que tamén se debata
sobre os efectos dese período na vida social do noso País.
As Pontes, 14 de abril de 2015