Unha escolma de cuestións para traballar a película Pradolongo, de Ignacio Vilar
1 of 5
Downloaded 30 times
More Related Content
Guia Pradolongo
1. Pradolongo. Guía de comentario.
As expectativas.
1. Esta é a sinopse da película que ofrece como adianto a produtora:
O verán presentábase como todos os demais, con festas, tardes no río, excursións a
Pradolongo... pero esta vez nada vai ser igual.
Pradolongo é unha paisaxe insólita na que existe un prado cunha lagoa glaciar. É propiedade dos
pais de Martiño, quen xa comezan a notar os achaques tras toda unha vida de duro sacrificio no
campo.
Pero pode que ese lugar agache un tesouro. A comarca progresou grazas á calidade da louxa que
se exporta a todo o mundo e Roi -irmán de Martiño- pon todo da súa parte para facilitar as
prospeccións en Pradolongo, que poden cambiar a vida da familia.
Ante iso Martiño, de espírito emprendedor e teimudo, cre que existen outras alternativas.
A louxeira interesada é propiedade da familia de Armando, un rapaz acomodado que xunto a
Raquel e Martiño conforman un estreito grupo de amigos da infancia. E os tres están a punto de
descubrir o que significa facerse maior: as responsabilidades, os desenganos...así que o amor
que os dous rapaces comezan a sentir por Raquel e a posible venda de Pradolongo obrigaraos a
reconsiderar os seus soños e os vínculos que os manteñen unidos dende a infancia.
Con que cres que se xoga para espertar o interese?
Que che interesa a ti desa trama?
O contexto.
2. Fíxate o que presenta Manuel Gago no seu blogue
(http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/05/06/a-salvaxe-agresion-das-louseiras-ao-
macizo-de-pena-trevinca-deben-parar-xa/ ):
Un val enteiro devorado por ducias de louseiras que extraen pedra dos montes e tiran o
material sobrante monte abaixo, sen criterios nin iniciativas de recuperación, nun auténtico
acto de depredación e canibalismo social. Aquí, ducias de empresas están devorando un
ecosistema privilexiado. Cada nova canteira devora un monte, achégase á montaña de
Pena Trevinca -a máis alta do noso país- e devora un anaco ante o silencio de todos. A
máis avanzada xa está directamente na base do macizo. Outras acabarán por chegar e
afectar ao Teixedal de Casaio, o bosque de teixos máis occidental de Europa e unha xoia
biolóxica de hai centos de miles de anos.
Non é certo que Valdeorras precise unha actividade louseira tan grande e salvaxe para
vivir. Ese é o argumento dos caníbales. Os habitantes de Valdeorras poderían vivir
2. estupendamente da lousa mantendo un maior equilibrio co contorno. En realidade, coma
sempre, é todo cuestión da multiplicación dos beneficios e da plusvalía. (...) Deben deterse
con carácter de urxencia as canteiras máis próximas a Pena Trevinca e iniciar programas
de recuperación en todas as escombreiras que deixaron as empresas por todas partes.
Tamén se debería pensar en cal é o futuro desta comarca, que os empresarios están
destruíndo como caníbais. Cando o mineral pase de moda (pasará), a comarca vivirá unha
catástrofe.
Como cualificarías esta situación?
É un problema local ou pode ser entendido en calquera parte do mundo? Por que?
Quen cres que son os verdadeiros responsábeis?
Estás de acordo co que propón Manuel Gago? Que proporías ti?
Cres que a película toma partido? Xustifica a resposta.
O seu final, é esperanzador?
Os personaxes
3. Os tres rapaces protagonistas, a pesar de ser amigos, representan xunto coas súas
familias posturas ben distintas ante o contorno e o mundo. Lembra as casas nas que viven,
o que fan os pais, o que perseguen ou como actúa cada un deles. A partir diso,
caracterízaos en relación coa súa identificación e defensa de Pradolongo, é dicir, do país,
do futuro común.
4. Tamén a relación de amizade que vai virando en desexo e amor é vivida de moi diferente
forma polos tres protagonistas. En que momentos se pode apreciar mellor a lealdade de
Martiño, a indecisión fuxidía de Raquel e as (varias) traizóns de Armando? Lembras algún
contraste entre eles marcado?
Valores en acción
Os personaxes novos e as súas familias representan, como vimos, diferentes actitudes, pero de
maneira bastante prototípica: o esforzado e comprometido, a “intelectual” elitista, o ricacho
intereseiro. Pero onde se dá o debate de ideas é no seo da familia de Martiño e mais na xente do
pobo.
3. 5. Achega os valores que encarnan Martiño e o seu pai en contraste co que defenden e fan
Roi e a nai:
practicar a caza ex. coidado dos animais e goce na
natureza
vender as terras
vivir nun piso na vila
enriquecerse (a calquera custo)
avogar por que Martiño vaia á
Universidade
Como resaltan as cámaras esa división da familia?
6. A xente afectada polos proxectos de explotación mineira organízase, constitúe unha
asociación para defender o seu modo de vida (gandaría e turismo rural), xúntase
asembleariamente para discutir opcións... Paréceche interesante que mostre isto o filme ou
non? Recolle algún argumento que lembres a favor e mais en contra das louseiras.
7. Atende agora ás reflexións desta reseña de Móllate coa lingua
(http://www.blogoteca.com/mollatecoalingua/index.php?cod=39261 ):
Unha película de produción galega, rodada integramente na nosa lingua, con escenarios
tan galegos como as aldeas e os montes de Valdeorras e que, ademais, toca de preto
unha problemática que afecta a Galiza rural dos nosos días, debera implicarse máis
firmemente na causa do seu protagonista, Martiño. Por que, en cambio, tantas
concesións? Por que un personaxe aparentemente favorable á gandeiría e a agricultura
ecolóxicas, o propietario dunha rede de casas rurais da zona, subliña o importante papel
que as canteiras desempeñaron como medio de sacar da pobreza a numerosas familias?
Por que se minimiza o impacto ambiental que as louseiras provocan e se fai fincapé na
posibilidade de recuperación dos terreos por elas afectados? Por que ese intento de
contentar a ecoloxistas e a empresarios? Había que devolver o favor aos directivos que
permitiron gravar nas propias explotacións mineiras? Ou alguén cre realmente que sobre
esa indefinición ideolóxica é posible construír a Galiza do futuro? (...)
Leo nunha entrevista a Ignacio Vilar, director de Pradolongo, que a longametraxe é “a
defensa dunha explotación racional da natureza”. Mais, se se frustran os plans de Martiño
e gañan as louseiras, se se acaban as tardes de verán en Pradolongo e se imposibilita a
posta en marcha de actividades de gandeiría ecolóxica, onde está a defensa da
explotación racional da natureza? Que sería, entón, explotación irracional?
Estás de acordo con este xuízo? Fíxoche reconsiderar o que respondiches ao comezo en
relación coa postura que se toma na película? Explícate.
Linguaxe do cine
8. O movemento da cámara percorrendo a mole do edificio contiguo cando visitan o piso en
construción e mais o notorio ruído de fondo na rúa, que nos quererá dicir a respecto da
vida na vila ou cidade, ademais de que é cuadriculada e ruidosa?
4. 9. Fronte os sons petadores e o estrondo que escoitamos cando se adentra Martiño no
monte ferido pola louseira, que aparece asociado a Pradolongo? Que nos suxire?
Recepción e promoción
10. Le esta entrevista (aquí cortada) recollida en Tempos Dixital e intenta completar o que
falta nos puntos suspensivos.
Pradolongo: cine popular na procura do público
Espallar a promesa dun filme entre espectadores que, se cadra dende hai corenta anos, non pisan
as salas cinematográficas. Nesta aventura, que ben merecería unha road movie, andan
embarcados Ignacio Villar e o equipo de Pradolongo.
Daniel Domínguez
Luns, 14 de abril. Atopámonos en Pontevedra con Ignacio Vilar, o director e produtor de
Pradolongo, que ten seis copias en exhibición en cinemas das catro esquinas do país, e con dous
dos seus actores protagonistas, Tamara Canosa e Roberto Porto. Xusto un mes despois da súa
estrea na Rúa.
Son as 15:15 h. e levan sete horas de traballo nas costas. Ás oito e media da mañá xa estaban
nun instituto de ensino medio, dispostos a presentar o filme, e logo nun colexio, e logo noutro
instituto, e logo noutro… así ata as tres. Pola tarde agárdanlles varias asociacións culturais e
veciñais e xa pola noite, no hotel, aínda unhas horas de contacto on-line cos espectadores a
través do web www.meupradolongo.com.
Unha xornada laboral de catorce horas, nunha xeira que os ten levado polas cidades, vilas, aldeas
e lugares do país presentando Pradolongo; espallando a promesa dun filme entre espectadores
que, se cadra, hai corenta anos que non van ao cine. E quen pode negarse ao engado da paixón
e do compromiso cunha historia de aquí, feita dende aquí e que procura público de aquí para
pechar o seu círculo. Pradolongo naceu como a promesa dun soño e agora está a cobrar vida nas
sombras luminosas das pantallas galegas. E a xente vai, enche as sesións e nunha fin de semana
en Ourense contabilízanse 1.500 espectadores. Algo nunca visto para unha película galega,
falada en galego valdeorrés e que só en galego se exhibe. Nunca visto dende hai vinte anos,
concretamente dende Sempre Xonxa. Van 12.000 espectadores polo momento. Ignacio Vilar ten
no horizonte acadar 25.000. E aínda lles queda Ferrol e comarca, o norte de Lugo… e París
despois, quen sabe onde acabarán.
Esta viaxe por Galicia ben merecería unha road movie destes novos pioneiros –o cinema do país
precisa deles, dende sempre- na procura do público perdido. A ver se Ignacio Vilar se deixa
animar polos seus actores para realizar ese filme autobiográfico –por eles non vai quedar-. Están
a vivir unha experiencia única, que Tamara Canosa percibe coma unha reedición das Misións
Pedagóxicas da República. E como era 14 de abril, esa experiencia envolvíase nunha aureola
romántica que contaxiaba. De entrada, están a demostrar que é posible chegar aos espectadores
cunha película en galego, mesmo a quen xa perderan o hábito de ir ao cine. E aínda máis
importante, que hai un circuíto alternativo galego por explotar, en vilas, parroquias e cidades.
Pradolongo, da man de Vilar e os seus xoves actores, está a abrir un camiño que permite o
encontro dos filmes cos seus espectadores naturais, eses esquecidos –e desbotados- polos
circuítos convencionais. En resumidas contas, están a demostrar que hai público para un cinema
galego e que deron con el, porque confiaron nunha historia chamada Pradolongo. Por iso,
achegámonos a estes afoutados misioneiros para compartir sequera un par de horas da súa
experiencia, durante un xantar nunha tasca preto da Alameda.
...........................................................................................................................................?
Ignacio Vilar: Creo que é un filme que conecta coa xente, séntense parte da historia, perciben
que se fala de persoas coma eles e recoñécense no que se conta na pantalla.
5. Tamara Canosa: Emociónanse, choran…
Roberto Porto: Mesmo saen cantando “Quen puidera namorala”…
T.C.: A verdade é que non podiamos imaxinar algo así. É un soño. Basta ver os comentarios
sentidos que a xente escribe no web… Mágoa non ter tempo para levar unha bitácora.
I.V: Cando vives esa resposta dos espectadores sentes que valeu a pena. Ese é un dos puntos
fortes do filme, que os espectadores viven a historia como algo propio. É unha historia de fondas
raíces locais pero tamén universal.
Ignacio, Pradolongo conta unha historia de primeiros amores, enfiada cun conflito sobre a
explotación do territorio entre as empresas louseiras e os usos agrícolas e gandeiros
tradicionais, entre a destrución da paisaxe e a alternativa ecolóxica.
…........................................................?
I.V.: Sen dúbida, a historia do primeiro amor entre os mozos. Antes que outra cousa, Pradolongo
conta unha historia de iniciación, do descubrimento do amor. O que tiraba de min, coma director,
eran os sentimentos que aboian nun momento da vida en que os protagonistas experimentan o
amor, mesmo asombrados ante a forza do impulso que senten.
T.C.: A fin da inocencia.
R.P.: A traizón da amizade.
I.V.: Son eses os sentimentos que queres compartir cos espectadores, os que me motivaron a
facer o filme.
Hai un certo aire de wéstern na atmosfera de Pradolongo.
I.V.: Claro, o conflito entre as empresas louseiras e o agro tradicional remite á mitoloxía do
wéstern, o enfrontamento entre gandeiros e agricultores, ou entre os gandeiros e os do ferrocarril,
poñamos por caso.
…................................................................…
I.V.: Esa escena resume un dos temas que se desenvolven en Pradolongo. Vén sendo unha
metáfora dos dous mundos enfrontados, que vai afectar decisivamente aos protagonistas que se
preparaban a gozar dun verán coma tantos da súa infancia: nada volverá a ser igual.
.........................................................................
I.V.: Fixen un cásting nos institutos, mirei centos de mozos e mozas dos que seleccionei dez. Con
eles organicei un curso de interpretación de seis meses con Daniel Contreras. Eu ía os sábados e
gravaba algunhas probas. De aí saíron as amigas de Martiño e Raquel, e o terceiro vórtice do
triángulo protagonista, Armando.
T.C.: Agora Roberto converteuse nunha estrela, non dá abasto para atender as fans no
méssenger.
R.P.: A estrela é Rubén…
T.C.: Todas as señoras queren levalo e darlle de cear, coma se fora un fillo.
Pódese ver un vídeo sobre o proceso de promoción en Youtube:
http://es.youtube.com/watch?v=rVvED0P9ZO0
11. Despois de ler as presentacións que anteceden a entrevista e saber que, segundo
publicou un xornal compostelán (http://www.elcorreogallego.es/index.php?
idMenu=3&idNoticia=292163), os cines de Santiago rexeitaron o filme porque estaba rodado
en galego, pensas que a nosa cultura se pode desenvolver con normalidade no propio
país? Os cines (igual que as radiofórmulas, as librarías, etc.) atenden a calidade e a
demanda do público? Establecede un debate sobre o tema.