1. RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN
Chegaron as vacacións de verán e con elas moito tempo libre para facer moitas cousas. Os
períodos de vacacións son moi interesantes porque nos permiten aos adultos pasar máis tempo cos
nosos fillos e aos nenos/ás cambiar de actividades, relacionarse con outras persoas diferentes, xogar
ao aire libre, intensificar a relación coa familia, etc…
Todo isto contribúe a desenvolver todos os aspectos da súa personalidade e ademais permite
que vaia aprendendo de xeito lúdico, activo e experimental.
Dámosvos estas suxestións para intentar dar continuidade á indispensable coordinación entre
familia-escola, esperando que vos sexan de utilidade.
PARA QUE MANTEÑAN HÁBITOS:
* De hixiene (lavar as mans antes de comer, cepillar os dentes, soarse, asearse...).
* De alimentación (estar ben sentado, utilizar os cubertos, comer autonomamente en familia...).
* De orde (recoller os seus xoguetes, colaborar na orde do seu cuarto e as súas cousas...).
* De cortesía (saudar e responder aos saúdos, escoitar, respectar a quenda de palabra...)...
* Procurade seguir unhas rutinas consensuadas con eles, na medida do posible, cuns tempos
establecidos para o xogo, algunha actividade máis tranquila, as horas de sono, piscina, parque...
PARA FACILITARLLES A AUTONOMÍA:
* É importante saber que cada vez teñen máis capacidades co que é bo que lles deixemos medir
as súas posibilidades, mesmo animalos, é importante que fagan cousas sós.
* En lugar de solucionar directamente todos os seus "problemas e conflitos", axudalos a pensar.
Dar tempo para que busquen a saída máis axeitada.
PARA MOTIVAR A COMUNICACIÓN ESCRITA:
* Aproveitar situacións cotiás para reforzar o nome tanto a grafía coma o recoñecemento.
* Lerlles contos, poesías, noticias, etiquetas, carteis... é importante que teñan sempre
dispoñibles contos e libros (ao seu alcance) con imaxes suxestivas e textos axeitados.
PARA XOGAR COA LINGUAXE
* Ampliar o vocabulario, enriquecendo a linguaxe oral, frases debidamente estruturadas.
Xogando a dicir nomes de froitas, animais, xoguetes, cores...
2. * Cando pronounce mal unha palabra, é necesario repetir a frase enteira correctamente, sen
comentarios, aínda que sexa divertido.
* Ensinar adiviñas, rimas, trabalinguas ...
* Ensinarlles o seu nome completo, o nome dos seus pais, irmáns, avós ...
* Habituarse a pedir cousas por favor e dar as grazas.
* Aproveitar as viaxes ao campo, á praia ou á cidade, para darlles a coñecer o nome do lugar
onde estamos e que aprendan novas palabras.
* Incentivalos a poñer o nome nos seus debuxos, son grandes artistas e deben asinar as súas
obras de arte.
PARA RAZOAR CON LÓXICA:
* Explicarlle por que lle dades unha orde, así como as razóns ou causas do que acontece.
* Axudarlle a ver as consecuencias dos seus actos.
PARA A MOTRICIDADE FINA.
*Explicar que debe coller ben o lapis, pintura ou rotulador.
*Colorear, debuxar libremente.
*Abotoar e desabotoar botón, encaixar e desencaixar obxectos…
*Manipular obxectos de pequenas dimensións; por exemplo, lentellas, garavanzos...
*Modelar con plastilina obxectos tales como bólas, cilindros...
*Pasar as follas dun libro (cara a diante e cara a atrás).
*Barallar e repartir cartas.
*Resgar e recortar cos dedos, recortar utilizando as tesoiras….
*Dobrar un folio pola súa metade tantas veces como poida.
*Lanzar obxectos (cada vez cunha man) intentando dar no "branco".
PARA A MOTRICIDADE GROSA
* Asegurarse de que ten a liberdade de saltar, correr, subir, nadar, dando libre curso á súa
vitalidade , proporcionándolle espazos ao aire libre.
* Ensinarlle xogos tradicionais : corda de saltar, pinta cega, escondite inglés ...
3. O verán é un tempo de aire libre, ritmos máis relaxados e moita vida social. É un bo momento
para priorizar o xogo ante a televisión e cultivar as relacións sociais coas que aprendemos a compartir,
resolver conflitos mediante o diálogo, integrarnos no noso grupo social...
Recomendámosvos realizar con eles actividades ao aire libre e de contacto coa natureza,
observar e experimentar co medio natural. Actividades lúdico-deportivas, a natación e xogos na auga.
Se vos é posible realizar algunha viaxe, é bo implicalos no proceso de preparación da viaxe (falar sobre
o lugar de destino, posibles actividades a realizar, transporte que se vai utilizar, itinerario da viaxe,
preparación de maletas...), buscar que as vacacións teñan un compoñente lúdico e algún compoñente
cultural que lles achegue novas experiencias (visita dalgún monumento, parque natural...). Se non
podedes saír a ningún sitio intentade aproveitar a oferta cultural que ofrece Pontevedra e coñecer un
pouco máis a cidade.
E ante todo e sobre todo, que xoguen, que xoguen moito, que manipulen, que
experimenten… e que se divirtan todo o posible.
E vós gozade deles todo o que poidades, e eles que gocen de vós.
Felices vacacións! E vémonos en setembro
Silvia Puga